INTEGRISMO RELIXIOSO

ateo.jpgA directora dun instituto de Mijas foi denunciada por unha avogada por retirar un belén do centro escolar. A denuncia basease nun “trato vexatorio contra o cristianismo”.

Considera esta avogada que estes feitos supoñen malos tratos psíquicos contar os crentes. Pobres rapaces que, por se non abondase coa tortura que lles inflixen os mestres de filosofía, teñen que aturar coa insoportábel visión dun neno como eles expulsado do instituto. Non se di se este rapaz, chamado Xesús, xa estaba apercibido anteriormente pola directora e se xa tiña sobre si varias faltas de orde ou comportamento. O que non se comprende é como esta orde de alonxamento inclúe aos pais que acompañaban a Xesús no berce. A historia relata claramente como estes proxenitores xa foran expulsados anteriormente e como tiveron que asentarse en Belén baixo a ameaza de ver morrer ao seu fillo. Porén, estes pais non amosaron solidariedade con outras familias que si viron como os seus fillos foron pasados a coitelo sen seren advertidos por aqueles. Claro que con estes antecedentes non sería aventurado pensar na clase de neno que era ese tal Xesús.

A maldade dos crentes foi unha constante na historia da relixión. A madre (non biolóxica) Teresa de Calcuta atreveuse a dicir que a SIDA era un xusto castigo para un comportamento sexual incorrecto. Nunca especificou, por outra parte, cales eran os correctos. Cabe pensar que coñecementos sobre a materia non posuía. De posuilos, non debería.

Volvendo ao caso da avogada, di na súa denuncia que “el laicismo no se impone a fuerza de coacciones y prohibiciones, ni tratando de lavar los cerebros de la ciudadanía con imposiciones y menosprecio, burla y escarnio de valores morales y símbolos religiosos”. Non parece esta defensora da relixión a máis indicada para condenar as imposicións e prohibicións habida conta que as ideas relixiosas foron moito máis aló das simples prohibicións, que aplicaron as execucións ao longo da historia, pasada e presente. Moitas das vítimas da guerra civil das que falabamos nesta mesma páxina foron sinaladas polos índices de certos cregos que decidiran aplicar con rigor o mandato divino de librar a España do ateísmo.

Moito nos tememos que esta aventaxada alumna do xuíz Garzón vai poñer contra as cordas ao goberno francés acusándoo de atentar contra as raíces cristianas e culturais dos rapaces franceses que se ven privados de practicar a relixión dentro dos liceos. Debería comprender esta señora que o laicismo tenta evitar males maiores aos xoves que se poden atopar en situacións difíciles de compaxinar coas súas crenzas. imaxinémonos que o tal Xesús fose axusticiado na cadeira eléctrica hai 5o anos en lugar de ser crucificado. Sería posíbel levar unha cadeira eléctrica ao pescozo en lugar dunha cruz?

A letrada iletrada tamén pide unha orde de alonxamento contra a directora co fin de evitar que poda achegarse a algún menor crente, á vez que tacha o seu comportamento de kafkiano e malvado. Preguntámonos como Deus non impide semellante maldade nesta docente e buscamos a resposta en Epicuro:

“Está disposto deus a previr a maldade e non pode?. Entón non é omnipotente.

Pode facelo e non quere? Entón é malévolo.

É capaz e ademais está disposto? Entón de onde vén a maldade?

Non é capaz nin tampouco está disposto? Entón por que chamalo Deus”

Non é potestade desta avogada a inxerencia nos asuntos privados como o son a crenzas ou descrenzas das persoas, máis ben é unha actitude xeralizada entre os fanáticos relixiosos. Lembramos o caso dun crego lonxevo de Pontedeume e con grande carisma entre a freguesía, que prohibíu a unha muller utilizar a píldora anticonceptiva a risco de acabar coa súa vida de se quedar preñada. Ou un día de Entroido, na rúa Real da vila, un rapaz disfrazado de Xesús arrastrando unha cruz. Case acaba sacrificado por unha beata, mestra dun colexio relixioso, que a emprendeu a paos co pobre nazareno. Polo visto, o ideario dun colexio relixioso non ten cancelas; pola contra, os colexios públicos non poden ser laicos.

Cando unha persoa padece delirios, chámaselle loucura; cando son multitude, chámaselle relixión.

(Ler a noticia completa en El País)


 


Esta entrada foi publicada en Uncategorized. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s