As linguas suman

Ante a campaña que o novo goberno da Xunta está a facer en contra da lingua galega, damos publicidade ao tríptico que os equipos de normalización lingüística dos centros de ensino están a espallar.

A quen vai dirixido este tríptico?.- Vai dirixido a vós, PAIS E NAIS, que queredes o mellor para os vosos fillos e fillas e que sabedes que a mellor herdanza que lles podedes dar é unha boa educación.

Dirixímonos a vós…porque o galego é a lingua propia de Galicia; pertence a todos e todas e non podemos xogar co seu futuro, porque intereses políticos, que non educativos, crearon un problema no ensino arredor das dúas linguas oficiais da comunidade, que pode derivar nunha perigosa fractura social, porque COMO DOCENTES pensamos que vos debemos ofrecer información rigorosa para que poidades decidir o mellor para os vosos fillos e fillas.

Que está pasando? A situación actual é que o idioma que debería unirnos está sendo utilizado para separarnos nunha loita na que algunha xente busca a desaparición da nosa lingua do sistema educativo. Neste contexto, e ante a enquisa que vai realizar a Xunta, pensamos que é necesario que os pais e nais lle fagan saber á Consellería de Educación algo que parece do máis lóxico: que queremos que os nosos fillos e fillas dominen as dúas linguas e que, por tanto, o galego sexa tamén lingua da aprendizaxe.

1. O galego necesita aprenderse na escola . En Galicia temos dúas linguas e o sistema educativo debe conseguir que se dominen as dúas.
A escola ten que garantir que os nenos/as saiban por igual galego e castelán. Hoxe en día, para moitos nenos/as a escola é o único lugar no que conviven co galego. Por iso, xa que o galego precisa espazos de uso, é fundamental que, cando menos, a metade das materias se impartan no noso idioma. Porque, todos estamos de acordo, as linguas apréndense usándoas.
2. Saber galego axuda a aprender. Os especialistas en adquisición de linguas (Cummins, I. Vila, C. Baker…) demostran nos seus estudos que é máis fácil aprender unha nova lingua partindo doutras. Canto máis temperá é a introdución de novas linguas
mellor se consolidan. Se un alumno aprende nunha lingua poderá transferir os coñecementos a calquera outra (se aprende matemáticas en galego, poderá utilizar os seus coñecementos matemáticos en calquera outra lingua).

Sabiades que…

… o alumnado galego ten mellor dominio do castelán que a media española? O informe Pisa sinala que as comunidades con dúas linguas se sitúan por riba da media española en competencia en lingua castelá. Existen estudos que demostran que en Galicia os resultados obtidos polo alumnado son mellores que os doutras comunidades autónomas.

… o alumnado galego ten mellor dominio do inglés que a media española?

… o alumnado galego remata a secundaria máis capacitado que o doutras comunidades que teñen unha soa lingua? Seis premios nacionais de bacharelato e formación profesional deste ano foron para o alumnado galego, alumnado que se formou estudando materias en lingua galega.

O coñecemento das linguas internacionais é necesario, pero nin dinamarqueses, nin holandeses, nin islandeses…deixan de lado a súa lingua propia a pesar de teren poucos falantes. Todas as culturas entenden a lingua como un patrimonio que hai que protexer e do que sentirse orgullosos.
O galego é unha ponte para coñecer a lingua portuguesa e ábrenos as portas a un mercado próximo aos 300 millóns de persoas. Nun mundo fortemente competitivo onde os idiomas van ser básicos para abrirse camiño na vida, temos que ser conscientes todos nós
de que non nos podemos permitir o luxo de desprezar ningunha das nosas potencialidades lingüísticas.
Esta entrada foi publicada en Uncategorized. Ligazón permanente.

1 Response to As linguas suman

  1. un galego di:

    A min este Feijóo lémbrame a Berlusconi

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s