
Hoxe o Concello de Pontedeume mandou instalar unha pantalla xigante para poder ver na praza do Conde (de Andrade, claro) o partido da final mundial que a selección española vai disputar. Non sabemos canto lle custará ás arcas do consistorio esta acción social dirixida a aqueles que non dispoñen de televisores na súa casa (quizais 3000 euros?). Alguén pode criticar que o alcalde negou axudas para mercar un pequeno trofeo co que premiar aos campeóns dun torneo xuvenil pero seguro que son aqueles que non entenden as repercusións dunha política que atende aos gustos dunha maioría (des)cualificada.
Anticipándonos ás críticas dos hosteleiros da vila, que verán mermadas as consumicións dos forofos da “Vermella”, hai que comprender os intereses dos representantes da clase política, tan dignos de consideración como os dos taberneiros. Hoxe as eleccións gáñanse por méritos deportivos.Sen obviar a función terapéutica do deporte en xeral: como se dun valium se tratase, axuda a esquecer os problemas do paro, a corrupción e a crise económica. Aporta polo tanto unha mellor calidade de vida, algo que debemos agradecer con total honestidade.
Non son estes os únicos gastos investidos no deporte rei. Recentemente a excelentisima Deputación obsequiou aos hinchas eumeses cunha subvención de 300.000 euros para dotar de céspede artificial o campo do clube de fútbol.Para esta actuación de forte contido social o Concello de Pontedeume tamén destina a módica cantidade de 160.000 euros. En fin, case medio millón de euros adicados a satisfacer as demandas dos futboleiros locais.