
Cando xa pensabamos que certas pragas estaban erradicadas, Pontedeume, sempre asombroso, acapara a atención mediática pola aparición dunha masiva invasión de pulgas.
O goberno municipal, preocupado polos bichos, limítase a fumigar esperando que sexa esta a profilaxe adecuada. Pero a verdade é que debería mirar pola orixe deste foco que pode acarrear enfermidades e molestias varias (as pulgas poden transmitir enfermidades como o tifus e a peste bubónica, transmitida entre roedores e humanos pola pulga da rata). Na falla de hixiene atópase a razón de ser das pragas de pulgas, podendo ser as ratas ou os cans os transmisores destes insectos saltaríns.
Tendo en conta que en Pontedeume o lixo forma parte da paisaxe urbana dende hai lustros cabería esperar que algo disto sucedese máis tarde ou máis cedo. Rompemos a imaxe de favelas asociadas a lixo; modernas urbanizacións levantadas ao amparo do boom urbanístico conviven coas ratas inmundas que escudriñan nos colectores do lixo. Unha mágoa que estes parásitos non invadan aos seus conxéneres que pernoctan na casa do concello.