O Concello de Pontedeume vai construír unha nova ponte no río Covés para que os afeccionados do clube de fútbol poidan chegar antes ao campo. Así dá conta un xornal local:
A estrutura de madeira que salvará o paso do río Covés pola contorna do paseo marítimo ten como misión facilitar o acceso dos afeccionados ao campo de fútbol situado na zona así como converterse nunha especie de atalaia para o avistamento da flora e fauna propia do lugar.
O orzamento estimado para levar a cabo esta actuación ascende a 60.000 euros e as características do mesmo, en canto ao deseño, será moi similar ao xa existente.
Hai poucos meses investíronse case medio millón de euros en acondicionar o campo do Eume. O outro día Rajoy, do mesmo partido que Torrente, alecionaba á selección española para conseguir un “subidón”. Enténdese que para esquecer a crise. O fútbol foi sempre unha ferramenta útil para que o poder non se vise cuestionado polo populacho. Franco, do mesmo partido que Rajoy, utilizouno para encubrir a ditadura e hoxe os seus adláteres utilízano para desterrar das nosas conciencias o fraude bancario que orixinou a crise.
Fútbol, un anestésico potente ao que hai que mimar. E se temos que poñer herba artificial, desbordantes chorros de luz e pontes para acceder ao campo das ilusións, que se faga. Non vaia ser que algún día aos parvos se lles dea por pensar.