Lemos no País de onte: “Antes das eleccións, en Pontedeume (A Coruña, 8.342 habitantes), a oposición obrigou ao PP, en minoría, a reducir en 6.000 euros os salarios do goberno local. Pero tras lograr maioría absoluta, o alcalde, Gabriel Torrente, incrementou o seu soldo un 26,5% (43.651 euros brutos ao ano), e o do seu edil de Servizos Sociais un 38,3% (29.044 euros). Pero reduciu a parcial a dedicación doutro concelleiro, que cobra 9.077 euros”
Esta nova non é nova pero non por iso perde interese. Algo que xa viña denunciando a oposición dende 2011. Ademais o presidente galego Feijóo pregonaba antes das eleccións unha política de austeridade que o alcalde de Pontedeume non entendeu. Quizais a palabra soáballe rara e inintelixíbel. O que si parecen entender os militantes e acólitos do PP é a linguaxe soez e vulgar propia dos chulos e pendencieiros. Á mínima soltan unha resposta do estilo que se fodan e quédanse tan tranquilos como se nada pasase; o máis natural do mundo. Ao fin e ao cabo na vida sempre houbo os que foden e os fodidos.
Un fenómeno sociolóxico que poderiamos denominar como barra libre para o xefe e que practican certos personaxes da vida publica española. Personaxes con patente de corso para dilapidar o diñeiro público en beneficio propio. Dende o presidente do Tribunal Supremo ata o último alcalde. E logo pídennos austeridade e baixada de calzóns.