Hai uns días dúas concelleiras do partido popular en Pontedeume presentaron a súa dimisión. Dúas dimisións que se lle suman a outra, a de Ruth García, no seno do partido gobernante nun período de catro anos. E todas mulleres.
Se ben alegan razóns persoais, agás no caso de Ruth que falou sen rodeos das causas que lle levaron ao abandono, parecen ser outras as motivacións das dimisións. Que dúas concelleiras coincidan no tempo en sufrir problemas de tipo persoal é pouco probábel. Se a iso lle engadimos o que xa é sabido, que as desavenencias dentro do grupo de goberno son públicas, hostís e irresolubeis, xa temos unha idea aproximada do sucedido.
O alcalde non é persoa fácil de tratar. Os concelleiros acúsano de posuír un carácter autoritario e pouco dado ao intercambio de ideas. E cada vez resulta máis difícil gobernar a borregos que asintan cun amén aos designios do mandatario. Ás veces pasa pero cando é así é porque os obedientes subordinados aceptan a vexación a cambio dalgunha dádiva que o xefe lles outorgará.
Nada novo nas esferas da política que se practica neste país. Aceptando o principio de inmutabilidade do poder, cuxas razóns son imperecedeiras no tempo, os que acceden ao mesmo só poden facelo dende unha absoluta inxenuidade ou dunha descarada comenencia. Ou pensan que efectivamente hai posibilidades de cambiar as cousas ou procuran a salvación persoal. Ás que se foron hai que admitirlles certa cordura aínda sendo do partido popular, hoxe tan denostado. Que sexan mulleres non é casual. Sempre fomos menos interesadas.
Debe estar conectado para enviar un comentario.