
Robert Altman foi un director de cine que puxo en boga un estilo propio: historias cruzadas cun nexo común. Se un discípulo deste director chegase a Pontedeume seguro que acopiaría material para unha nova película.
Acto I
Hai escasos días un rapaz eumés sorprendeuse coa actitude dun novo policía local que lle recriminou os berros que estaba a proferir nunha rúa de Pontedeume. O resultado desta grave infracción contra o ordenamento municipal que regula os ruídos en lugares públicos foi unha sanción de 300 euros (descoñecemos se foi retirada posteriormente).
Relatada así a historia parece lóxica e axustada a dereito a actuación deste axente da autoridade. Pero xurden moitas preguntas sen resposta. Máis ruído e máis molestias causan os bares da localidade durante as fins de semana sen que, a pesar das continuas denuncias veciñais, as autoridades locais sancionen aos donos dos locais (*). Como tampouco son sancionados os energúmenos condutores de motos sen silencioso, os donos dos cans que non recollen as cagadas dos chuchos, nin os promotores urbanísticos que se forran coas ilegalidades, nin os condutores de vehículos mal aparcados en zonas peonís ou parques públicos (exemplo: Alameda).
Acto II
En Sada expediéntase a varios policías locais que piden sancións contra outros compañeiros. Nas dependencias da Unidade de Seguridade Cidadá atopáronse ficheiros con datos persoais de cidadáns e fotografías de veciños e visitantes de Sada (La Opinión)
Acto III
Despois dos numerosos incidentes en Pontedeume dos que destacan os roubos en bares e vivendas, o Concello decide ampliar a plantilla da policía municipal durante os meses de verán. Isto permitirá que por primeira vez en moitos anos haxa patrullas nocturnas na vila dos Andrade. «Ata o momento non había efectivos para que tamén vixiasen durante a noite», sinala o seu alcalde, Gabriel Torrente. Dous novos policías en comisión de servizo, procedentes de Lalín e de Sada, posibilitan que desde a madrugada do venres ao sábado os veciños conten cunha maior protección. (La Voz de Galicia)
Debe estar conectado para enviar un comentario.