Un día de vacacións en Pontedeume

Os meus amigos Ana e Carlos decidiron vir a pasar uns días a Pontedeume. Algo que fan case todos os anos en periodo estival. O tempo non acompaña pero tampouco é fundamental para eles. Tamén como case todos os anos decidiron -por falta de alternativas-alugar un pequeno cuarto nunha modesta pensión da vila. Gustarialles aloxarse nunha casa rural pero a única do concello estaba ocupada. O malo das pensións é que cando espertas e ansías almorzar tes que buscar unha cafetaría que che sirva un bo café e unha torta de Pontedeume. Nin o un nin o outro foilles doado conseguir. Unhas carencias que se repetiron ao longo do día cando buscaron un restaurante que lles servise cociña típica da comarca. Ou cando, xa á noite, quixeron “tapear” unhas racións de empanada e polbo.

A gastronomía non foi a única lección non aprendida desta viaxe. Un paseo polo casco urbano estivo a piques de custarlle un esguince a Carlos, torpe rapaz urbanita que non sabe sortear os accidentes xeográficos propios do rústica e medieval praza do Conde eumesa. O que si non evitou na súa caída foi darse de bruces cos excrementos dun can cuxo dono dérase á fuga pouco antes.

Ana, estudante de Belas Artes en Pontevedra, quixo coñecer a obra dun artista local de nome Abelardo Miguel. Pensaba, inxenuamente, que nalgún lugar do concello atoparía unha exposición permanente da súa obra pero o único que acertou a achar foi unhas copias mal impresas expostas nun bar da rúa real propiedade duns parentes do pintor que se negan a deixar no olvido a súa creación.

Carlos, que prepara oposicións para o corpo de profesores de educación física, decidíu correr uhna ducia de quilómetros pola estrada de Centroña, un lugar que sempre lles pareceu paradisíaco. Posiblemente será esta a última vez que o intente só risco de non presentarse nunca máis ás oposicións. As causas: un automóbil circulando a velocidade esaxerada e a falta de beirarrúas.

Cando se despediron invitáronme a ir o ano próximo a visitar unha pequena vila  asturiana, mariñeira e hospitalaria.
Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

Plantas contra o tráfico

diario-de-ferrol-2011-07-20-018-438727e9.jpgPontedeume, por dereito propio, é recoñecida como vila por excelencia. As súas virtudes traspasan fronteiras e as autoridades públicas non deixan de tratala con exceso de mimo. Pontedeume lévase sempre o mellor como corresponde aun sitio sen igual. Un eslogan dos anos 70 xa pregoaba que Pontedeume é moito.

E cando hai que investigar, o pensamento dos técnicos focalízase na vila medieval dos Andrade na que queren deixar a súa pegada. Porque Pontedeume merece o mellor. Un exemplo témolo no meritorio estudo realizado por técnicos do ministerio de Fomento que buscaban como axilizar o tráfico rodado nas incontabeis rotondas, símbolos de modernidade onde os haxa. Despois de moitas elucubracións, chegaron á conclusión de que as plantas son a solución aos cargantes atascos á entrada da urbe medieval.

Un determinado tipo de plantas e a orde no que estas están colocadas nunha rotonda son factores que contribúen a regular a velocidade do tráfico. Esta conclusión dedúcese dun informe realizado polos técnicos de Estradas do Estado e que agora se trata de demostrar coa plantación de matas de medio porte e arbustos dun metro de altura na glorieta situada á entrada da vila de Pontedeume.(sic)

Merecidos salarios os dos técnicos de Fomento que fomentan a investigación con solucións económicas e ecolóxicas.

Publicado en Uncategorized | 1 comentario

Outro 8 de marzo

feminismo2.jpgE mil máis que se necesitarían para conseguir un recoñecemento social e laboral da muller. A sociedade tende a considerar á muller con menores capacidades que os homes se ben é certo que vai deixando que certos postos sexan ocupados polas féminas. Pero esta concesión faise con limitacións flagrantes. Por exemplo, os partidos políticos rara vez reservan as cabezas de lista para as mulleres. En Pontedeume nunca se deu ese caso e nas próximas eleccións municipais seguiremos escollendo como alcalde a un home ou outro home. No laboral a cousa non vai mellor. As estatísticas din que os salarios das mulleres están un 17% máis baixos que os dos homes que ocupan o mesmo posto.
No que si se aprecia certa equiparación cos homes é na estupidez masculina. Algunhas mulleres -non todas, afortunadamente- xa conseguiron amosarse iguais que os seus conxéneres masculinos. Beben ata o delírium trémens, conducen a 150 polas autoestradas e son soeces como o macho patán  e pendencieiro.
Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

Mulleres, recheos e candidatos

poderfeminino.jpgAproxímanse as eleccións municipais e as candidaturas dos partidos están elaboradas. A lei obriga a manter nelas unha paridade grazas á cal aparece un número significativo de mulleres candidatas a concelleiras mais non a alcaldesas. E non aspiran a seren alcaldesas porque ningunha figura no primeiro posto das listas. 
Pode ser unha casualidade, pode ser que ningunha das aspirantes aceptase ir de cabeza de lista, pode ser que sorteasen os postos da lista, pode ser que estea asumido polos partidos que os representantes lexítimos en Pontedeume teñan que ser machos. Sexa cal sexa  a verdadeira razón, que os partidos non nos van desvelar, o certo é que a imaxe que se proxecta é a dun sexismo trasnoitado que moitas crimos xa desterrado. Estase a utilizar a figura da muller como un vulgar recheo e o peor é que esas mesmas mulleres aceptan con indiferencia o maltrato social ao que as condenan os seus compañeiros de partido.
Pero non nos alarmemos por isto nimiedade. Pode que só sexa unha manifestación machista dos grupos políticos alienados da sociedade que din representar. Probas abondan neste sentido. Os políticos minten, corrómpense, insultan e teñen ansia de poder. Tamén nisto diferéncianse da maioría de mulleres.
Publicado en Uncategorized | 1 comentario

PP contra o partido xudicial en Pontedeume

Antigo partido xudicialUnha vella reclamación de Pontedeume é a recuperación do partido xudicial na vila. No ano 2006 dabamos conta nesta páxina da solicitude do alcalde de Betanzos para dotar a ese concello dun cuarto xulgado. O aumento de causas xudiciais levaron ao xulgado de instrución de Betanzos a unha situación de colapso. Hai que suliñar que moitas destas causas teñen a súa orixe no noso concello de Pontedeume, en particular polas infraccións urbanísticas dos últimos anos.
Só este feito sería abondo para reclamar de novo a recuperación como partido xudicial para Pontedeume. Se contribuimos ás causas penais, por que non ter unha compensación xudicial?
Pero se antes Betanzos era un firme opoñente ás ansias eumesas de  conseguir o xulgado de instrución,hoxe aparece un novo inimigo disposto a impedir que Pontedeume disfrute dun privilexio  do pasado: o Partido Popular.
Os populares ferroláns acaban de deixar clara a súa postura. Ante a próxima reforma da planta xudicial, Rei Varela (presidente do PP local) criticou a posible recuperación do partido xudicial de Pontedeume. Na súa opinión, «amputaría» parte do territorio natural do ferrolán e afectaría de xeito destacado aos seus intereses.
Se ante Betanzos Belarmino Freire (alcalde entón de Pontedeume) non quixo ofrecer batalla polo partido xudicial, tampouco o fará Gabriel Torrente ante os seus correlixionarios de Ferrol. Cuestión de intereses…partidistas.
Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

Hostalocracia

ucoa_manifestacion.jpgSe algo caracteriza a Pontedeume é a dictadura da hostalería sobre o resto dos cidadáns. Todo canto sirva aos intereses dos bares e pequenos comercios é dogma de fe para o alcalde e goberno local. Se queren un aparcadoiro, aí teñen o campo de deportes do instituto; se queren feira medieval, o concello non repara en gastos para complacelos; se queren ter abertos os locais ata as tantas da madrugada, que se fastidien os veciños porque os beneficios das tascas (non se lles pode chamar doutra forma) priman sobre o descanso daqueles; se queren organizar concertos ao lire libre en plena rúa Real  non é cuestión de pedirlles que acaten as mínimas normas de civismo e respecto  polos demais. Unha completa hostalocracia.
E ante a dictadura un grupo de veciños, cansos de ter que pasar as noites en vela, deciden denunciar ao Concello ante o Valedor do Pobo. Craso erro. Descoñecen estas víctimas dos decibelios que os consistorios teñen plena desfachatez para burlar as notificacións da inxenua oficina do Valedor. Esta inútil institución só serve para vender fraudulentamente un concepto vago como a defensa do cidadán ante os poderes fácticos da administración.
Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

Podemos sentirnos fachendosos?

einstein_novo_balon_ouro.jpgDeputación de A Coruña: “O pleno provincial aprobou tamén a formalización dun convenio coa Universidade de Santiago para a realización do proxecto “Estalmat Galicia 2010”, que ten como obxectivo detectar, orientar e estimular o talento matemático en alumnos de 12 e 13 anos, cunha achega provincial de 25.000 euros e dun convenio co concello de Pontedeume para a instalación de terreo de xogo de herba artificial no campo de fútbol municipal, cunha achega provincial de 340.000 euros.
PSdG de Pontedeume: Os socialistas eumeses queremos amosar o noso agradecemento á Deputación ó ver por fin formalizado no pleno provincial o compromiso adquirido o mes de febreiro polo seu Presidente co noso portavoz e ratificado na súa visita ás instalacións de A Gándara o pasado verano, e felicitar dun modo especial á gran familia do Eume Deportivo que en pouco tempo poderá disfrutar dun terreo de xogo digno da súa categoría e historia, facendo así realidade unha vella reivindicación dos seus directivos, xogadores e afeccionados.
Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario