Sospeitabamos que os populares de D. Mariano eran donos e señores de todo o que nos rodea. Tanto que dispoñen alegremente de contas millonarias e permítense quitar o soldo a funcionarios, pensionistas e demais espécimen improdutivo da sociedade. Pero que tamén se declaren amos absolutos das rúas xa é cando menos desconcertante.
María del Carmen Piñeiro Varela concelleira de comercio en Pontedeume agasallounos cunha das mellores perlas que súbdito agradecido poida recibir. Criticado o goberno municipal pola escasa atención que este lle presta á organización do Feirón Medieval, a ilustrada militante popular contestou, chea de satisfación, que «desde el Ayuntamiento siempre la hemos respaldado (la feria medieval), cediendo las calles y apoyándola en todo lo que podemos».
Cédennos as rúas polas que podemos camiñar! E, por que non, o aire que respiramos, a auga que bebemos… Se un día deciden pechalas, non crean que se decretou o estado de sitio; é que lles pertence. Xa o dixo hai 37 anos o seu mentor espiritual D. Manuel Fraga: «La calle es mía». Unha frase que marcou a toda unha xeneración, da que Piñeiro Varela é unha instruída representante. Agradecidos tiñamos que estar polos favores concedidos; máis agradecidos estariamos se calasen a boca. Co silencio, polo menos, poderían disimular a súa ignorancia.
Nos dejan pasear por sus calles,somos unos desagradecidos