IV feirón medieval

Se ben será o actor Serxio Pazos o preogueiro do feirón debemos aclarar que a primeira persoa na que se pensou para abrir os fastos da nova singularidade eumesa foi Aznar. O expresidente do goberno goza sentíndose un aguerrido Cid Campeador ao que lle pracería tomar posesión das vastas terras do Eume. Pasaría do España vai ben, ao Pontedeume vai mellor. Un personaxe que só confía en si mesmo, como gustaba de repetir, tería no noso alcalde un digno discípulo no que a arrogancia, chulería e impertinencia se refire. De feito, nalgunha ocasión laiouse Torrente da marcha do presidente á vez que facía votos polo seu regreso. 

Aznar o Campeador

Pontedeume vístese de nobleza e gallardía. Os señores da guerra e lacaios servís poderán emborracharse como as tradicións mandan. Nisto tamén Aznar  sentou cátedra: “A min non me gusta que me digan: non pode ir vostede a máis de tanta velocidade, non pode vostede comer hamburguesas de tanto, debe vostede evitar isto e ademais a vostede prohíbolle beber viño”. E despois facer a guerra aos herexes chegados do sur: “Cal é a razón pola que Occidente sempre debe pedir perdón e eles nunca? ¡Eles ocuparon España durante oito séculos!”

Pontedeume será por tres días un espello no que mirarse para curar as frustracións herdadas do pasado. “Estamos traballando niso, dedicamos tempo onte e hoxe pola mañá a traballar niso exactamente

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

Pontedeume’s Fashion Night

fashion nightUn éxito. Non tanto pola afluencia de xente como pola capacidade dos organizadores en poñerse á vangarda das corrientes máis en boga. Concretamente, a marca España. O selo inconfundíbel desta marca é o flamenco, e se non que llo digan aos representantes do goberno español que estes días andan por Europa adiante promocionando esta marca a golpe de tablaos.

E xa que falamos de Europa que mellor que desmontar esa falsa crenza de que os españois non sabemos idiomas. Polo menos en Pontedeume queremos deixar constancia do noso compromiso co inglés. Poderiamos bautizar este evento como “noite de moda en Pontedeume” pero a vulgaridade do galego non nos vai. Sexamos modernos; vivamos como europeos.

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

Eterno agradecemento

Sospeitabamos que os populares de D. Mariano eran donos e señores de todo o que nos rodea. Tanto que dispoñen alegremente de contas millonarias e permítense quitar o soldo a funcionarios, pensionistas e demais espécimen improdutivo da sociedade. Pero que tamén se declaren  amos absolutos das rúas xa é cando menos desconcertante.

PPMaría del Carmen Piñeiro Varela concelleira de comercio en Pontedeume agasallounos cunha das mellores perlas que súbdito agradecido poida recibir. Criticado o goberno municipal pola escasa atención que este lle presta á organización do Feirón Medieval, a ilustrada militante popular contestou, chea de satisfación, que «desde el Ayuntamiento siempre la hemos respaldado (la feria medieval), cediendo las calles y apoyándola en todo lo que podemos».

Cédennos as rúas polas que podemos camiñar! E, por que non,  o aire que respiramos, a auga que bebemos… Se un día deciden pechalas, non crean que se decretou o estado de sitio; é que lles pertence. Xa o dixo hai 37 anos o seu mentor espiritual D. Manuel Fraga: «La calle es mía». Unha frase que marcou a toda unha xeneración, da que Piñeiro Varela é  unha instruída representante. Agradecidos tiñamos que estar polos favores concedidos; máis agradecidos estariamos se calasen a boca. Co silencio, polo menos, poderían disimular a súa ignorancia.

Publicado en Uncategorized | 1 comentario

Quen o aguanta?

Hai uns días dúas concelleiras do partido popular en Pontedeume presentaron a súa dimisión. Dúas dimisións que se lle suman a outra, a de Ruth García, no seno do partido gobernante nun período de catro anos. E todas mulleres.

Sen tituloSe ben alegan razóns persoais, agás no caso de Ruth que falou sen rodeos das causas que lle levaron ao abandono, parecen ser outras as motivacións das dimisións. Que dúas concelleiras coincidan no tempo en sufrir problemas de tipo persoal é pouco probábel. Se a iso lle engadimos o que xa é sabido, que as desavenencias dentro do grupo de goberno son públicas, hostís e irresolubeis, xa temos unha idea aproximada do sucedido.

O alcalde non é persoa fácil de tratar. Os concelleiros acúsano de posuír un carácter autoritario e pouco dado ao intercambio de ideas. E cada vez resulta máis difícil gobernar a borregos que asintan cun amén aos designios do mandatario. Ás veces pasa pero cando é así é porque os obedientes subordinados aceptan a vexación a cambio dalgunha dádiva que o xefe lles outorgará.

Nada novo nas esferas da política que se practica neste país. Aceptando o principio de inmutabilidade do poder, cuxas razóns son imperecedeiras no tempo, os que acceden ao mesmo só poden facelo dende unha absoluta inxenuidade ou dunha descarada comenencia. Ou pensan que efectivamente hai posibilidades de cambiar as cousas ou procuran a salvación persoal. Ás que se foron hai que admitirlles certa cordura aínda sendo do partido popular, hoxe tan denostado. Que sexan mulleres non é casual. Sempre fomos menos interesadas.

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

Wert

A educación é o futuro e o ministro Wert quérenola suprimir. A educación é un dereito básico que os gobernantes actuais menosprezan e a consideran un negocio e unha correa de transmisión ideolóxica. Os centros de ensino de Pontedeume padecen os mesmos recortes que no resto do estado español. O modelo de escola que o salvapatrias e esperpéntico ministro Wert quere instaurar é anacrónico, mercantilista e dictatorial. Un modelo que O Muro de Pink Floyd reflectía maxistralmente na película de Alan Parker do mesmo título.

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

Que se fodan…os parados, xubilados e funcionarios

El alcalde, Gabriel Torrente.Lemos no País de onte: “Antes das eleccións, en Pontedeume (A Coruña, 8.342 habitantes), a oposición obrigou ao PP, en minoría, a reducir en 6.000 euros os salarios do goberno local. Pero tras lograr maioría absoluta, o alcalde, Gabriel Torrente, incrementou o seu soldo un 26,5% (43.651 euros brutos ao ano), e o do seu edil de Servizos Sociais un 38,3% (29.044 euros). Pero reduciu a parcial a dedicación doutro concelleiro, que cobra 9.077 euros”

Esta nova non é nova pero non por iso perde interese. Algo que xa viña denunciando a oposición dende 2011. Ademais o presidente galego Feijóo pregonaba antes das eleccións unha política de austeridade que o alcalde de Pontedeume non entendeu.  Quizais a palabra soáballe rara e inintelixíbel. O que si parecen entender os  militantes e acólitos do PP é a linguaxe soez e vulgar propia dos chulos e pendencieiros. Á mínima soltan unha resposta do estilo que se fodan e quédanse tan tranquilos como se nada pasase; o máis natural do mundo. Ao fin e ao cabo na vida sempre houbo os que foden e os fodidos.

Un fenómeno sociolóxico que poderiamos denominar como barra libre para o xefe e que practican certos personaxes da vida publica española. Personaxes con patente de corso para dilapidar o diñeiro público en beneficio propio. Dende o presidente do Tribunal Supremo ata o último alcalde. E logo pídennos austeridade e baixada de calzóns.

La sexta

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

Como se combate a crise?

ImageO Concello de Pontedeume vai construír unha nova ponte no río Covés para que os afeccionados do clube de fútbol poidan chegar antes ao campo. Así dá conta un xornal local:

A estrutura de madeira que salvará o paso do río Covés pola contorna do paseo marítimo ten como misión facilitar o acceso dos afeccionados ao campo de fútbol situado na zona así como converterse nunha especie de atalaia para o avistamento da flora e fauna propia do lugar. 

O orzamento estimado para levar a cabo esta actuación ascende a 60.000 euros e as características do mesmo, en canto ao deseño, será moi similar ao xa existente.

Hai poucos meses investíronse case medio millón de euros en acondicionar o campo do Eume. O outro día Rajoy, do mesmo partido que Torrente, alecionaba á selección española para conseguir un “subidón”. Enténdese que para esquecer a crise. O fútbol foi sempre unha ferramenta útil para que o poder non se vise cuestionado polo populacho. Franco, do mesmo partido que Rajoy, utilizouno para encubrir a ditadura  e hoxe os seus adláteres utilízano para desterrar das nosas conciencias o fraude bancario que orixinou a crise. 

Fútbol, un anestésico potente ao que hai que mimar. E se temos que poñer herba artificial, desbordantes chorros de luz e pontes para acceder ao campo das ilusións, que se faga. Non vaia ser que algún día aos parvos se lles dea por pensar.

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

14 de abril: animais en perigo de extinción

Preguntas que se nos antollan.

Un elefante republicano?

Marfil para unha prótese de cadeira? Ou será pola trompa?

Quen está en perigo de extinción: o elefante ou a monarquía?

Ten esta familia monomanía polas escopetas?

Por que pagamos os cidadáns milleiros de euros para que o monarca se desfogue salvaxemente?

Noin sería máis rentábel pagarlle o retiro permanente en lugar dunhas vacacións de luxo en  Botsuana?

Será destituido o monarca como presidente de honra da Asociación para a Defensa da Natureza  (WWF-Adena)?

Publicado en Uncategorized | 1 comentario

Ilustres eumeses

O PP rexeita homenaxear a eumeses ilustres pola exclusión do fundador da Grande Obra de Atocha. Se ben hai que recoñecer que este servo de Deus non naceu en Pontedeume, tamén é certo que na nosa vila construíu un colexio dende o que iluminar ás rapazas eumesas (os rapaces incorporaríanse despois cos permisivos tempos democráticos) na súa procura de bondade, decencia e virtudes varias.

Ramiro Fonte, Abelardo Miguel e Antonio Leira son merecedores do recoñecemento de Pontedeume á súa obra artística pero para o PP a formación relixiosa non é menos importante que a cultura literaria, pictórica e musical dos devanditos ilustres eumeses. Tan importante, ou máis, que ilustrar a intelixencia é o amaestramento da alma.

Aos que critican ao PP que pretendese “colar” ao catequista Pardal na lista de insignes eumeses a honrar polo concello de Pontedeume sen avisar aos grupos da oposición, hai que lembrarlles que o importante non son as formas democráticas senón os fins que se persiguen. Pode que os “esquerdistas” non dean cabida ao virtuoso Pardal nas actas de honra do Concello de Pontedeume pero a bo seguro que Deus o terá na súa gloria. Amén

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

Praga de parásitos na real vila

merda.png
Cando xa pensabamos que certas pragas estaban erradicadas, Pontedeume, sempre asombroso, acapara a atención mediática pola aparición dunha masiva invasión de pulgas. 
O goberno municipal, preocupado polos bichos, limítase a fumigar esperando que sexa esta a profilaxe adecuada. Pero a verdade é que debería mirar pola orixe deste foco que pode acarrear enfermidades e molestias varias (as pulgas poden transmitir enfermidades como o tifus e a peste bubónica, transmitida entre roedores e humanos pola pulga da rata). Na falla de hixiene atópase a razón de ser das pragas de pulgas, podendo ser as ratas ou os cans os transmisores destes insectos saltaríns.
Tendo en conta que en Pontedeume o lixo forma parte da paisaxe urbana dende hai lustros cabería esperar que algo disto sucedese máis tarde ou máis cedo. Rompemos a imaxe de favelas asociadas a lixo; modernas urbanizacións levantadas ao amparo do boom urbanístico conviven coas ratas inmundas que escudriñan nos colectores do lixo. Unha mágoa que estes parásitos non invadan aos seus conxéneres que pernoctan na casa do concello.
Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario