O PP rexeita homenaxear a eumeses ilustres pola exclusión do fundador da Grande Obra de Atocha. Se ben hai que recoñecer que este servo de Deus non naceu en Pontedeume, tamén é certo que na nosa vila construíu un colexio dende o que iluminar ás rapazas eumesas (os rapaces incorporaríanse despois cos permisivos tempos democráticos) na súa procura de bondade, decencia e virtudes varias.
Ramiro Fonte, Abelardo Miguel e Antonio Leira son merecedores do recoñecemento de Pontedeume á súa obra artística pero para o PP a formación relixiosa non é menos importante que a cultura literaria, pictórica e musical dos devanditos ilustres eumeses. Tan importante, ou máis, que ilustrar a intelixencia é o amaestramento da alma.
Aos que critican ao PP que pretendese “colar” ao catequista Pardal na lista de insignes eumeses a honrar polo concello de Pontedeume sen avisar aos grupos da oposición, hai que lembrarlles que o importante non son as formas democráticas senón os fins que se persiguen. Pode que os “esquerdistas” non dean cabida ao virtuoso Pardal nas actas de honra do Concello de Pontedeume pero a bo seguro que Deus o terá na súa gloria. Amén
Debe estar conectado para enviar un comentario.